Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Voz Salud Mental

Hoxe recibín unha mensaxe por Facebook que convida a participar na enquisa dunha campaña chamada “Voz Salud Mental”. Esta campaña vén asinada por unha empresa de marketing farmacéutico (Clover SGM), dúas asociacións sen ánimo de lucro (FEAFES e AMAFE) e dúas empresas farmacéuticas (Lundbeck e Otsuka). [1]

A campaña so consiste, de momento, nun formulario de enquisa. Dubido que estes axentes (tan diversos e mesmo antagónicos, podería pensar alguén non avisado) usen este medio por interesárense realmente nas opinións das persoas diagnosticadas de esquizofrenia (ou de psicose) e dos seus coidadores. Máis ben, con este medio seguen a usar a pacientes e familias para fomentar unha impresión favorable no público. E as asociacións, en vez de loitar pola desalienación e a liberación dos que sofren, venden a súa independencia ó deus Mercado.

Nada sorprendente, pois é o seu negocio, Clover SGM ten entre os seus clientes a moitas empresas farmacéuticas [2]:

FEAFES (Confederación Española de Agrupaciones de Familiares y Personas con Enfermedad Mental) recibiu cartos das empresas farmacéuticas AstraZeneca (a través da fundación homónima; fabricante de quetiapina (Seroquel), entre outros), Ferrer, Janssen (fabricante de haloperidol e risperidona, entre outros), Lundbeck, Otsuka e Pfizer. [3]

AMAFE (Asociación Madrileña de Amigos y Familiares de Personas con Esquizofrenia) recibiu cartos das empresas farmacéuticas AstraZeneca (a través da fundación homónima), Janssen e Roche. [4]


Referencias:

[1] Páxina web de Voz Salud Mental, consultada o 28 – XI – 2014.

[2] Sección “clientes” da páxina web de Clover SGM, consultada o 28 – XI – 2014.

[3] Sección “quiénes somos” da páxina web de FEAFES, consultada o 28 – XI – 2014.

[4] Sección “quiénes somos” da páxina web de AMAFE, consultada o 28 – XI – 2014.


¿Que teñen de malo as empresas farmacéuticas? ¿Son malos os psicofármacos?

Os psicofármacos, usados correctamente, fan moito ben a moitas persoas; pero usados incorrectamente poden facer moito mal.

As empresas farmacéuticas fan negocios multimillonarios e as súas decisións están tan desconectadas da ética como as de calquera sector do actual capitalismo salvaxe. As empresas farmacéuticas aproveitan un sistema de patentes perverso, unha política reguladora permisiva, unha ciencia médica cada vez menos independente e un público desinformado para logra-lo seu obxectivo: os fármacos que producen deben ser prescritos e consumidos no maior número posible, sen importar que consecuencias se deriven dese consumo. Por exemplo, algúns fármacos teñen unha boa relación custo-beneficio se os usan adultos en tratamentos puntuais, pero non se os usan nenos ou se facemos deles un tratamento crónico.

As empresas farmacéuticas gastan o dobre en publicidade que en investigación. As empresas farmacéuticas promoven modelos anticientíficos sobre as enfermidades e as súas causas. As empresas farmacéuticas esaxeran as bondades terapéuticas dos seus fármacos cando as súas patentes están en vigor. As empresas farmacéuticas posúen moitos laboratorios, presionan a políticos e funcionarios mediante lobbies, dominan mediante subvencións as revistas especializadas e os congresos médicos, contratan como investigadores e asesores a profesionais destacados, desacreditan activamente a profesionais críticos.

A saúde é para moitos un negocio. En consecuencia, diante de cada tratamento que apareza no mercado, diante de cada información que encontremos, debemos preguntarnos cui prodest, debemos pensar que o raposo vai coidar do galiñeiro se non miramos nós por el.

28 Novembro 2014 - Posted by | Galicia, Human Rights, Mental Health, Politics, Propaganda

Aínda non hai comentarios.

Deixar un comentario