Blog de César Salgado

Os papeis terman do que lles poñen, e internet nin che conto…

Venres negro para a cultura galega

O recentemente importado costume consumista do “black Friday” estreouse, por azar, como un venres negro para a cultura de Galicia.

Entre onte e hoxe coincidiron varias mortes: a do grande literato Xosé Neira Vilas (de quen xa falei aquí), a da filósofa Esperanza Guisán Seixas e as de dous teólogos, Xosé Alvilares Moure e Xosé Chao Rego.

A este último coñecino persoalmente a través da revista Irimia, aló polos anos oitenta e noventa, cando eu cría ser cristián. Era parte da miña inmadurez adolescente, un delirio: eu case non me coñecía a min mesmo nin coñecía apenas o cristianismo (case ninguén o fai, pero esa é outra historia).

Gardo bos recordos de Pepe Chao, porque era un home bo. Tamén os gardo doutra xente que facía a revista, sempre camiñando a contracorrente; con eles aprendín a ver moitos grises onde antes so vía branco e negro. Seguro que, de haber outra vida, Pepe e mailos outros que morreron non descansan en paz, xa estarán a traballar nalgunha cousa… :-)

28 Novembro 2015 - Posted by | Galicia, Literature, Philosophy, Religion

Aínda non hai comentarios.

Deixar un comentario